Cantos de Taberna
“Según a definición do Disionario da Revolusionaria Academia Morraçense da Lingua, “saljariteiro” dícese do home que lle gustan moito as mulleres, así como bailar cantar e andar de troula…( de ahí o noso nome)”.
O grupo de cantos de taberna “Os Saljariteiros” nace, dun proxecto máis antigo, fai un par de anos, froito do interese pola difusión e conservación do noso patrimonio cultural inmaterial, e da inquedanza musical dun grupo de amigos, homes e mulleres, saljariteiros e saljaritas, de diferentes idades das comarcas do Morrazo e Pontevedra, que pertenceron ou pertencen a distintos grupos e escolas de baile e música tradicional, como son A Asociación Cultural Retrouso de Cela, o Grupo de Música Tradicional “Os Chichisos” de Pontevedra e os “Trebellos do Morrazo”.
A maioría dos seus compoñentes formaban parte do grupo “A Ghaita do Avó” que acadou o 1º premio no “Concurso de Cantos de Taberna” organizado na Foliada de Melide no ano 2011.
Embarcaron nesta viaxe centrándose na recuperación dos cantos de taberna, que pasou por uns anos escuros nos noventa e o redor do comezo do milenio, e que gozaron dos seus anos dourados nos oitenta.
Estes cantos xurdían espontaneamente en gran cantidade de bares da nosa xeografía, aínda lembramos a grupos como A Roda, Grupo Camariñas, Charanga de Mozos e Vellos, O Muiño, Xocaloma ou Ruada.
Agora, na actualidade, parece rexurdir das súas cinsas, e estanse convocando distintos eventos e concursos de cantos de taberna por diferentes puntos da xeografía galega, e vanse sumando, aínda que poucos, máis bares e tabernas onde se pode expresar espontáneamente esta forma de sentir a música galega.
É esta unha variedade musical que está a cabalo entre o canto coral e a música tradicional, pero onde o canto colle protagonismo e musicalmente só se utilizaba a percusión que se tiña a man, un acordeón ou unha guitarra, e como moito, unha gaita.
Todos aqueles vellos grupos, e os actuais, como a xente de O Fiadeiro, Treixadura e o seu Orfeón, son fonte de influencia e inspiración.
E por iso, que o mellor escenario para este tipo de actuacións son os bares, furanchos e tabernas, onde a proximidade co público e a interacción con este, casan nunha perfecta comuñón.
Tamén gustan de ir a seráns, festivais e foliadas, xa que ao porvir da música puramente tradicional, teñen un amplo repertorio de pezas populares: pasodobres, muiñeiras, xotas, rumbas e foliadas.
Comprometidos coa divulgación do patrimonio cultural e defensa da lingua veñen colaborando con diversos colectivos e asociacións culturais, na recuperación de tradicións, amenizando conferencias e diversos actos, colaborando en obradoiros e actividades didácticas vinculadas coa música, etc., sempre dunha maneira lúdica-festiva en prol do divertimento das persoas adultas e da sensibilización das novas xeracións, para que coñezan e poñan en valor o noso: “sempre ameazado,… rico folclore”.
Actuaron en: Marín, Bueu, Cangas, Pontevedra, Cuntis, Bertamiráns, Santiago, Arzúa, Melide, Lalín, Vigo, Rebordondo, Ourense, Feira dos Carballiños (Vilatuxe) e Ruadas, e Seráns de toda a comarca…
…e onde quede un Furancho ou unha Taberna donde deixen Cantar..